Saturday 04 de May de 2024

A cineasta Jaione Camborda, protagonista do coloquio que acompañará á proxección en 35 mm de ‘El Piano’, o vindeiro xoves 11 no Teatro Colón


Camborda foi a primeira directora de cinema española en gañar a Cuncha de Ouro na historia do Festival de San Sebastián. Fíxoo na pasada edición do certame con ‘O Corno’, longametraxe rodada en lingua galega

Aínda hai entradas á venda para a próxima sesión. Pódense adquirir a través da páxina web de Ataquilla e tamén no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense

O ciclo ‘As mellores películas da historia’ volve a vindeira semana ao Teatro Colón coa proxección en 35 mm da longametraxe ‘El Piano’, dirixida por Jane Campion e protagonizada por Holly Hunter, Anna Paquin, Sam Neill e Harvey Keitel.

A película narra a viaxe dunha muller e a súa filla ás agrestes terras de Nova Zelandia, deixando atrás a súa Escocia natal a mediados do século XIX. O relato, dirixido e guionizado por Campion, foi premiado en 1993 nos Óscar —entre os galardóns colleitados, na categoría de Mellor Guión Orixinal—, os Globos de Ouro e tamén no Festival de Cannes, onde gañou a Palma de Ouro á Mellor Película daquela edición.
A proxección no Teatro Colón, que terá lugar o xoves 11 (19.30 horas) contará coa asistencia dunha figura emerxente no panorama nacional da sétima arte. Será a cineasta donostiarra, residente en Galicia, Jaione Camborda, que coa súa película ‘O Corno’ (2023) fixo historia recentemente ao converterse na primeira directora de cinema española que gañou a Cuncha de Ouro na historia do Festival de San Sebastián.
‘O Corno’, unha longametraxe rodada en galego e portugués, con localizacións repartidas entre Galicia e o norte de Portugal, achégase a cuestións como a clandestinidade e a sororidade, aspectos que se tocarán de preto no coloquio posterior á proxección de ‘El Piano’,no que tomarán parte Camborda e o coordinador do ciclo, Javier Trigales. Como xa é habitual, o coloquio estará aberto ás preguntas do público.

Aínda hai entradas á venda de cara á sesión do xoves 11, que se poden adquirir a través da páxina web de Ataquilla e no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense. Tamén se habilitará a venda o propio día da proxección no Teatro Colón, sempre e cando haxa pases dispoñibles.

A vindeira proxección, ‘Psicosis’, de Alfred Hitchcock

A programación do ciclo ‘As mellores películas da historia’, impulsado polo Goberno de Inés Rey, comezou o pasado mes de xaneiro, coa proxección da longametraxe ‘El apartamento’, de Billy Wilder. Xa a mediados de febreiro recuperouse en 35 mm ‘Al final de la escapada’, do francés Jean-Luc Godard, e a mediados de marzo proxectouse ‘Ciudadano Kane’, de Orson Welles.

O calendario continúa a vindeira semana con ‘El piano’, e, posteriormente, o 23 de maio, coa gran película do suspense: ‘Psicosis’, de Alfred Hitchcock. O convidado especial será Paco Plaza, autor dalgunhas das grandes obras nacionais de terror do século XXI.

Por último, e xa o 13 de xuño, pecharase o ciclo dun xeito moi especial, con ‘El espíritu de la colmena’, de Víctor Erice. Na clausura está previsto contar co propio cineasta ou coa actriz Ana Torrent.